top of page

 

 

 

Logo da gravación do noso primeiro traballo discográfico Tiruriru (Falcatruada, 2008), posible grazas a ter gañado o Concurso Folk Cancioneiros da Fundación Pedro Barrié de la Maza, e comezando a crear novo repertorio, tivemos a sorte de recibir o que daquela eran os apuntamentos para a tese de doutoramento do noso bo amigo Xavier Groba O legado musical de Casto Sampedro Folgar: o canto galego de tradición oral, onde descubrimos unha gran cantidade de melodías inéditas froito das recollidas realizadas por Casto Sampedro e colaboradores no final do s. XIX e principios do XX (Colección Sampedro, CS) que no foran incluídas na selección publicada por Filgueira Valverde no seu Cancioneiro Popular Galego.

 

Con este tesouro nas nosas mans comezamos a xogar con aquelas melodías que nos resultaban máis suxestivas e a crear temas onde envorcar todas as nosas influencias e gustos musicais nun proceso de creación colectiva onde cada un aportou o mellor de si. Este proceso non foi diferente do realizado no noso anterior traballo, pero si que procuramos novos camiños musicais coa intención de ofrecer variedade sen renunciar aos nosos principios de elegancia e bo humor con referencias a músicas e ritmos recoñecibles.

 

Arrieiros somos e levamos cargamento de vellas melodías esquecidas que permaneceron máis dun século durmidas na partitura e que reviven actualizadas para ser gozadas, bailadas, sentidas novamente, utilizando as nosas mellores armas: percusión xunto a clarinetes e acordeón, que nun tempo foron instrumentos habituais na música popular galega, logo menosprezados —para case remataren abandonados— e que na actualidade reviven con forza na música do país.

 

O noso agradecemento a todas aquelas persoas que manteñen viva a nosa música, no estilo e na forma que desexen, e tamén a aquelas que dalgún xeito tamén aportaron o seu granciño de area neste traballo, nomeadamente: Xavier Groba, Alonso Caxade, Jose A. Vilas e Patricia Hermida, Patricia Verdial e Escola Mundo Sonoro.

 

 

Música Arrieiros !!!

A MIN

Comezamos a traballar con esta melodía recollida como Alalá (0070, CS) ao pouco da morte temperá dunha coñecida cantante inglesa, o que nos serviu de inspiración para a parte final da peza. Polo medio tamén xogamos con sons ben coñecidos da música galega nunha mestura de reggae e soul "ao noso xeito".

 

NA VENDIMA

Tema de ritmo irregular recollido co título de Na vendima con pandeireta (0329, CS) e que nós alcumamos  “pasodobre ás veces”, onde mesturamos cambios de modo, ritmo e certos aires cíngaros.

 

ALALÁ DO VAL

Alalá do val do Salnés (0045, CS), resultado dun ensaio no inverno de 2014 e que saíu simple, delicado e cun toque morriñento.

 

APERTURA

Apertura é unha mestura de tres melodías coa que adoitamos comezar os nosos concertos e na que resumimos dalgún xeito os nosos planeamentos musicais. Comeza cunha entrada a modo de marcha procesional na que utilizamos unha idea melódica tomada de A bruxa, coñecida peza do grupo Milladoiro. Continúa coa nosa versión do Ton Iwan un tema que descubrimos aló polo ano 1997 do disco Músique Têtue do Quintet Clarinettes, grupo que traballou intensamente pola recuperación e actualización da música popular da Bretaña francesa para este instrumento, e que no ano 1998 nos convidou a participar no Rencontre Internationale de la Clarinette Populaire na vila de Glomel —lugar onde presentamos por vez primeira un repertorio baseado na música tradicional galega. Esta Apertura remata recuperando a Xota de Buscás, peza do clarinetista Calviño de Ordes recollida por Mercedes Peón na súa recompilación titulada Raiceiras.

 

MUIÑEIRA NOVA CON RETRANCA

A única referencia ao clarinete no traballo de Xavier é unha melodía recollida co título de Canto, flauta, clarinete e subtítulo de Muiñeira nova con retrouso (0636, CS). Non podiamos deixar de incluír no noso repertorio este agasallo ao instrumento maioritario do Cuarteto que, logo de moitas voltas, tomou corpo nun proceso de deconstrución. Para chegar ao retrouso haberá que agardar ata o final. O resto é pura retranca.

 

MAZURKA DE LAROÁ

Xunto con Apertura, este é un dos dous temas non extraídos da CS. Recollida no libro Antela, a memoria asolagada, de Xosé Luís Martínez Carneiro, esta melodía conquistounos de tal xeito que non fomos quen de deixala pasar e démoslle un aire a vella caixa de música recuperada do pasado.

 

EQUERQUELLEQUER

Inevitablemente na hora de crear os nosos arranxos aparecen as influencias do uso do clarinete e o acordeón noutras culturas musicais e é por isto que esta muiñeira nova (0629, CS) recende a música klezmer e, por que non, un pouco tamén ás vellas bandas de música.

 

O CRIME

Este Romance de cegos (0221, CS) foi a primeira melodía escollida para este traballo na que continuamos coa liña esbozada en Tiruriru de temas como O Demo e Canto de berce cun aire de jazz clásico dos anos trinta do século pasado.

 

ARRIEIROS SOMOS

Para o tema que dá título ao disco traballamos sobre dúas melodías recollidas como cantos de arrieiro (0380 e 0374, CS). Na primeira delas De canteiros, arriar en banda, o asentador desde o alto, invertemos os papeis habituais no cuarteto, e neste caso é o clarinete baixo o que interpreta a melodía. A continuación enlazamos co Canto nocturno de arrieiro con carga de peixe que transformamos nunha explosión de disonancias e improvisación libre chea de enerxía funk e falcatrúa.

 

PUNTO, VOLTA E REVOLTA

Rematamos o disco cunha homenaxe aos clarinetistas populares do país botando man desta xota (0659, CS), interpretada a catro clarinetes sopranos en si b. A revolta, primeiro tema que aparece é, como non podía ser doutro xeito, autoría de Caramuxo e resume perfectamente o noso concepto musical. As revoltas sempre necesarias para fuxir da apatía, do conformismo e da indiferenza tan prexudiciais e coas que, ende mal, algúns máis ca outros vivimos sumidos en moitos momentos.


 

 

 

Créditos:

 

CUARTETO CARAMUXO somos:

 

Patricia Cela                     percusión

Marcos Padrón                 acordeón

Felipe Agell                      clarinetes requinto e soprano

Xoan Carlos Vázquez       clarinete soprano

Oscar Prieto                     clarinete soprano e baixo

Fernando Abreu               clarinete soprano, baixo e contrabaixo

 

 

Composicións e arranxos orixinais do Cuarteto Caramuxo

Gravado e mesturado  por Jose A. Vilas, Jose Puga e Pachi Baldomir no estudio Nakra (Culleredo, A Coruña) en maio e xuño de 2015

Deseño e maquetación: Olalla Fernández

Fotografía: Cris Grande e Pablo Banga de Ollomol Audiovisual

bottom of page